Ribas de Sil regresará este xoves ao pasado cunha nova charla á beira do río

O Concello de Ribas de Sil retomou este verán unha das súas propostas culturais máis exitosas: as ‘Conversas de Verán’ á beira do río Sil.
Ao longo de cinco encontros, que se celebrarán ás 21:00 horas no exterior da Aula de Pesca da Praia Fluvial, o profesor local Manuel Cao guiará un percorrido pola historia de San Clodio, abordando temas cheos de memoria e identidade.
A primeira charla tivo lugar o mércores 23 de xullo e céntrase na chegada do tren a San Clodio, un acontecemento que marcou un antes e un despois no desenvolvemento da zona.
O segundo encontro será mañá, xoves 31 de xullo, e nel Cao afondará nas vellas historias vinculadas á praia fluvial, espazo central da vida social e lúdica do pobo. Falaremos e dialogaremos sobre feitos e recordos ocorridos entre as dúas pontes onde hoxe se atopa a praia fluvial: accidentes de avións, aureanas, guerras, a construción das pontes, accidentes no río e moito máis que xurdirá da memoria colectiva.
En agosto, o día 22, dedicarase a descubrir a historia da familia Batanero en San Clodio. Xa en setembro, están programadas dúas sesións máis: o 4 de setembro, Manuel Cao falará sobre “O accidente do salto”, e o día 20 pecharase o ciclo coa presentación da programación cultural de outono.
As ‘Conversas de Verán’ son unha oportunidade para mergullarse na historia local nun ambiente relaxado e participativo, xunto ao río Sil, reforzando a conexión coa contorna e coa memoria colectiva de Ribas de Sil.