Ribas de Sil presenta o programa de actividades para conmemorar o 25N

O Concello de Ribas de Sil súmase, os días 24 e 25 de novembro, á conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, reafirmando o seu compromiso co Pacto de Estado e con milleiros de persoas que loitan por visibilizar esta grave problemática.
A concelleira de Igualdade, Rosa María Quiñones, anunciou que, durante a próxima semana, o Concello levará a cabo diversas actividades tanto de sensibilización como de prevención. Ademais, durante estes días, a fonte da praza do Concello iluminarase de cor violeta en recordo de todas as vítimas da violencia machista e como símbolo do compromiso municipal para erradicala.
O 25 de novembro, o alumnado do CEIP de San Clodio participará nun obradoiro de chapas como parte das accións de sensibilización dirixidas á poboación. Ademais, repartirase material informativo nas portas do Concello e en establecementos locais para denunciar a violencia e o silencio, e para mostrar memoria e respecto cara ás vítimas. Ata a data, 38 mulleres foron asasinadas en España este ano, unha cifra inaceptable.
O luns 24 de novembro, ás 18:30 horas no salón de actos do Concello, celebrarase unha conferencia de carácter preventivo impartida pola psicóloga María Jesús Álava Reyes, recoñecida a nivel estatal polo seu traballo en educación, convivencia e benestar emocional. A conferencia, organizada en colaboración coa Asociación Pedagóxica Vagalume de Valdeorras, abordará a manipulación emocional como unha das principais ferramentas do maltratador e ofrecerá claves para identificar e evitar persoas manipuladoras, moitas veces presentes no noso entorno próximo. A participación de María Jesús Álava, sinalan desde o Concello, aporta un valor especial ao evento, dada a súa ampla experiencia en programas de prevención e saúde mental en institucións públicas e privadas.
Todas estas actividades forman parte do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que proporciona recursos e ferramentas aos concellos para avanzar na prevención, protección das vítimas e sensibilización social. Ribas de Sil reafirma así o seu compromiso con políticas públicas que contribúan a unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencia machista.