Ribas de Sil presenta o programa cultura de verán con máis dunha ducia de actividades

O Concello de Ribas de Sil acaba de presentar a súa programación cultural para este verán, cunha oferta variada que combina música, teatro, contacontos, circo, conversas sobre a historia local e moito máis. As actividades desenvolveranse entre o 19 de xullo e o 20 de setembro, principalmente en espazos tan emblemáticos como o Anfiteatro da Praia Fluvial e a Aula de Pesca, ideais para desfrutar do tempo de lecer nos días de calor.
A programación arrancará o 19 de xullo cun serán de contos vellos con novos finais da man de Contacontos Caxoto. Continuará o 23 coa primeira das conversas de verán na Praia do Sil, nas que Manuel Cao falará sobre a historia do tren en San Clodio. A música chegará o 24 de xullo cun concerto de Gin Tonis, seguido do espectáculo de circo “Pallaso Total” de Duende Circo o día 25 e da actuación de Cé Orquestra Pantasma co seu “Home Orquestra” o 26. O 31 de xullo, Manuel Cao volverá para relatar vellas historias da praia fluvial.
En agosto haberá monicreques o día 2 con Carme Domech e O Grúfalo, teatro infantil o día 3 co grupo A Cova das Letras, e novas conversas de verán o 22 para descubrir a historia da familia Batanero en San Clodio. O 14 de agosto presentarase a festa “Tempo de Bruxas” durante o pregón das Festas de Torbeo, e entre o 14 e o 17 celebrarase unha programación especial polas festas de verán. Xa en setembro, o día 1 darase a coñecer o concurso literario Filomena Árias, o día 4 terá lugar unha nova conversa con Manuel Cao sobre “O accidente do salto” e o 20 pecharase a tempada coa presentación da programación cultural de outono.
Ademais, todos os sábados e domingos organizaranse visitas guiadas ao Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana, ás 12:00 e ás 14:00 horas, e de luns a venres haberá campamento de verán para nenos e nenas, para que as familias poidan conciliar e os máis pequenos gocen dun verán cheo de aprendizaxe e diversión.