Ribas de Sil celebrou a Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na contorna da Praia Fluvial de Ribas de Sil na Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite, unha cita que celebra o seu 20º aniversario co apoio da institución provincial. José Tomé subliñou o compromiso firme da Deputación con esta festa, especialmente nesta edición, na que “incrementamos a nosa aportación económica ao Concello, que agora ascende a 11.000 euros a través do Plan Deputación, co fin de potenciar a promoción destes tres produtos insignia desta zona”.
Puxo en valor o traballo levado a cabo polo Concello e os produtores nestes 20 anos de historia, pois conseguiron, “non só consolidar unha festa que hoxe atrae a milleiros de persoas para desfrutar do patrimonio de Ribas de Sil e do conxunto da Ribeira Sacra, senón tamén proxectar a identidade e calidade destes produtos”.
Así mesmo, o mandatario provincial resaltou a importancia deste evento, que “é unha clara mostra do peso que o sector primario ten na nosa provincia, que impulsa o patrimonio gastronómico que temos, e que xera un impacto moi positivo na nosa economía e no sector servizos que, durante dous días, ve considerablemente incrementado os seus ingresos”.
A Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil ofreceu un amplo programa de actos lúdico e festivos, con degustacións de cereixas e produtos típicos da comarca, exposición de pintura e actuacións musicais. Ademais, as persoas que se achegaron estes días á localidade puideron visitar os dous museos do Xeoparque (CIMAR e CIRS), e ver a alfombra floral do Corpus Christi no atrio da igrexa.