Ribas de Sil acolle diversas actividades de verán para amenizar a vida dos veciños e veciñas
O Concello de Ribas de Sil organiza a programación de actividades para que as familias poidan desfrutar dos meses de verán no Anfiteatro da Praia Fluvial de San Clodio con iniciativas como contacontos, monicreques, maxia, música, etc.
Pola súa parte, en xullo, o día 22 terá lugar 'Contos animados', por Expresión Produccións, un espectáculo de contacontos con maxia e monicreques; pola súa banda, o 23 Brais das Hortas traerá 'Contos para Caghar Patatillas'. Xa o 25, Títeres Alakrán representará o seu 'Circo Galaico', mentres que o 30 de xullo terá lugar 'Iguais e diferentes', unha representación de Expresión Produccións.
No caso de agosto, as actividades comezarán o 12 cun Concerto Punkinfantil da man de dous músicos, 13 será a quenda dos Monifates, que representarán 'Os monifates de festa en festa'; o 19 volverá Expresión Produccións para dar un espectáculo de 'Conto contigo' e, por último, o 20, Ángeles Goás traerá 'Un saco de contos'. Todas as actividades terán lugar ás 20.00 horas.