Resoltas as axudas de material escolar destinadas ás familias de Monforte
Xa foi asinado o decreto mediante o cal se resolven as axudas destinadas ás familias de Monforte para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso 2021/2022.
“En concreto”, salienta o alcalde de Monforte, José Tomé, “para este fin destinaramos, a finais do mes de xuño, unha partida inicial de 20.000 euros que foi ampliada dende o equipo de goberno do Concello ata os 24.000 euros para contribuír a axudar ás familias monfortinas ante os efectos derivados da crise do Coronavirus”. Finalmente, logo da ampliación de crédito, as axudas concedidas alcanzan os 23.985 euros.
As axudas teñen como finalidade apoiar ás familias con menor renda per cápita do municipio de Monforte que presenta dificultades económicas para afrontar os gastos que supoñen a adquisición de material escolar e libros, ante o inicio do curso escolar o vindeiro mes de setembro, dificultades que, en moitos casos, vense agravadas pola incidencia da crise do Covid-19 na que seguimos inmersos.
Estas axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario están destinadas ó alumnado empadroado no Concello de Monforte e escolarizado para o curso 2021/2022 en educación infantil (3-6 anos), educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial nalgún dos centros docentes públicos ou concertados existentes no municipio.
Dende a apertura do prazo de solicitude a principios do mes de xuño, as solicitudes presentadas foron 218 das que se concederon finalmente 169 axudas.
Os vales axuda serán entregados a partir do 1 de setembro na Oficina de Servizos Sociais do Concello, e a data de caducidade dos vales será ata o 9 de outubro de 2021.
Unha vez recollidos os vales, as familias poderán presentar os mesmos para adquisición do material en calquera librería do municipio de Monforte.
O importe destas bolsas vai dende os 75 euros ata os 390 euros, dependendo do número de fillos/as por familia e do curso que estuden.