Renovan o servizo para a protección contra incendios nos edificios da Deputación de Lugo
A última Xunta de Goberno aprobou a adxudicación dun novo contrato para a prestación do servizo de inspección e mantemento das instalacións de protección contra incendios nos seus edificios. Así o anunciou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen detallou que este contrato, cun importe de máis de 100.000 euros, foi adxudicado á empresa CLECE FS e terá unha duración inicial de dous anos, prorrogables por outros dous.
Segundo explicou Pablo Rivera, “este servizo ten como obxectivo garantir a seguridade dos traballadores, usuarios e veciños, mediante a aplicación de medidas de mantemento preventivo, correctivo e técnico en todas as instalacións dos centros provinciais”. Entre as tarefas que se levarán a cabo atópanse a revisión, reparación e control de equipos esenciais como extintores, bocas de incendio, hidrantes, sistemas de detección e alarma, así como sistemas de control de fume e calor.
O deputado destacou que este novo contrato “reflicte o compromiso da Deputación de Lugo coa seguridade e protección nos seus edificios, asegurando que as instalacións estean en condicións óptimas e cumpran coa normativa vixente”. Ademais das actividades de mantemento, o contrato inclúe un plan de formación teórica e práctica para o persoal dos centros. “Esta formación resulta fundamental para que os empregados públicos estean preparados para afrontar situacións de emerxencia, coñezan as medidas preventivas e saiban utilizar correctamente os medios de extinción dispoñibles, garantindo evacuacións rápidas e seguras en caso necesario”, indicou Rivera Capón.
Así mesmo, a oferta da adxudicataria inclúe descontos significativos que beneficiarán á Deputación: un 40 % nos prezos unitarios do mantemento preventivo, un 33 % na man de obra e un 22 % no mantemento correctivo. Na sesión, a Xunta de Goberno aprobou tamén a convocatoria e as bases específicas para o procedemento selectivo de cobertura dunha praza de enxeñeiro ou enxeñeira técnico de obras públicas, incluída na Oferta de Emprego Público da Deputación. Esta iniciativa forma parte do compromiso da institución por reforzar o seu cadro de persoal técnico especializado.