Rematan os traballos no encoro das Guístolas, na Pobra de Trives

Despois dunha semana complicada, este luns o Concello da Pobra de Trives confirmou a finalización das obras no encoro das Guístolas e a restitución do bombeo desde este punto, o que pon fin ás restricións no subministro de auga potable que sufrira a poboación nas últimas semanas.
Durante as últimas horas realizáronse todas as comprobacións e controis necesarios, incluídos os sanitarios, para garantir a normalización total do servizo. Dende o Concello lamentaron as molestias ocasionadas e agradeceron as mostras de comprensión de moitos veciños e veciñas.
Os problemas rexistrados nas semanas anteriores, segundo explica o Concello, derivaron dun consumo excesivo e da imposibilidade de empregar o bombeo polas obras levadas a cabo por Iberdrola no encoro. Agora, co fin dos traballos, o problema estaría solucionado.