Rematan as tarefas de conservación e mantemento das marxes do río Cabe de Monforte
Veñen de rematar as tarefas de conservación e mantemento das marxes do río Cabe para reparar os danos tras as crecidas do inverno iniciadas o pasado luns 2 de setembro.
En concreto, actuouse nos elementos de contención e estabilización que se atopaban en mal estado e que precisaban dunha rehabilitación para garantir a súa estabilidade.
“Con este conxunto de actuacións favorecemos a capacidade hidráulica, diminuímos o risco de afeccións a infraestruturas e melloramos o uso social do río”, afirma o rexedor monfortino.
Estas obras tiveron un orzamento de 17.486,03 euros e desenvolvéronse ao abeiro do encargo establecido entre a Deputación de Lugo e o seu medio propio, Tragsa, para o mantemento das zonas verdes, entre as que se inclúe a contorna do río Cabe.
"Desde o Concello de Monforte de Lemos somos plenamente conscientes da importancia que ten o río Cabe para a nosa cidade, non só como un elemento natural que embelece o noso entorno, senón tamén como un recurso vital para o noso ecosistema e a seguridade dos nosos veciños. Tralo inverno pasado, onde as crecidas do río afectaron de maneira significativa a diversos puntos das marxes, os elementos de contención e estabilización sufriron danos importantes que foi preciso reparar, algo que levamos a cabo dende principios deste mes de setembro e que acabamos de finalizar”, indica o rexedor.
Este plan de mantemento e conservación das marxes do río incluíu a reparación das infraestruturas danadas e a mellora das medidas de prevención para futuros episodios de crecidas. Con estas accións non só se buscou restaurar as zonas afectadas, senón tamén reforzar a capacidade de resposta ante fenómenos naturais, garantindo a seguridade de todos.
“Estes traballos non só contribúen a protexer os nosos recursos naturais, senón que tamén melloran a calidade de vida dos monfortinos e monfortinas, asegurando que poidan seguir desfrutando do río Cabe en condicións óptimas”, concluíu José Tomé.
Traballos de mantemento e conservación nas marxes do río Cabe
Nun primeiro tramo, levouse a cabo a recuperación e estabilización da marxe fluvial nun treito de aproximadamente 30 metros de lonxitude mediante o uso de técnicas tradicionais. A proximidade dun paseo e a existencia de muros de fincas particulares fixo necesario estabilizar esta marxe con técnicas construtivas tradicionais de escollera.
Nun segundo tramo, actuouse nunha zona onde, a pesar de que se atopaba estabilizada cunha escollera, sen embargo presentaba varios puntos debilitados pola forza da auga, o cal xerou ocos que podían comprometer a súa estabilidade. Neste caso, cubríronse ditos ocos mediante o retacado con pedra de similares características ás existentes, co obxectivo de impedir que se poida erosionar máis o interior da escollera.
Para a realización destes traballos foi necesario que o nivel das augas do río Cebe estivese o máis baixo posible. Por iso, o Concello levou a cabo estas actuacións en época de estiaxe e abriu a presa do Parque dos Condes para rebaixar o calado na zona de traballo, e poder traballar en condicións óptimas para as actuacións nas escolleras.