Rematan as obras da pista de acceso aos miradoiros turísticos de Vilañán
Coa sinalización da ruta rematouse o arranxo da pista de acceso aos miradoiros turísticos de Vilañán. Trátase dunha pista duns 4 km que une o núcleo de Vilañán co despegue de parapente e o miradoiro.
A Dirección Xeral de Turismo aportou 36.000 € para as intervencións que consistiron en traballos de motoniveladora, realización de cunetas e pasos de auga e na colocación de grava compactada nalgúns tramos da pista.
Na pista de despegue de parapente, recoñecido polos aficionados a este deporte como dos mellores polas súas térmicas, realizáranse labores de roza e fresado. Tamén se levou a cabo a semente de especies herbáceas nunha zona duns 400 m 2.
Grazas ao acondicionamento desta pista é posible achegarse ata esta zona con calquera tipo de vehículo e non con vehículos todo terreo como era preciso ata o de agora. Esto facilita que aquelas persoas que non queren subir ata o miradoiro ou o despegue andando o poidan facer en coche. Ademais, tamén está a opción de facer as subidas ata a parte alta en vehículo e despois pasear pola cume do monte desfrutando das vistas de todo o val que se aprecian dende a pista.
O seguinte paso é o acondicionamento do miradoiro, un saínte rochoso, dende o que se pode ver a práctica totalidade do val do río Quiroga. O miradoiro conta xa cuns chanzos colocados polos veciños para facilitar o seu acceso, pero búscase proporcionar máis seguridade para os visitantes coa mellora dos chanzos e unha varanda.