Rematan as melloras no Camiño de Inverno ao seu paso por Quiroga
A Xunta de Galicia rematou a mellora do Camiño de Inverno coa colocación dunha nova sinalización que forma parte do proxecto de posta en valor desta Ruta Xacobea. O proxecto arrancaba en xuño do pasado ano coa roza do camiño ao seu paso polo Concello de Quiroga. O recorrido quirogués é o maior de todos, xa que 36 km dos 185 km que ten esta Ruta Xacobea pasan por Quiroga.
Cun investimento de 212.293,27 euros a Xunta realizou dentro do tramo quirogués do Camiño de Inverno rozas e limpezas, colocación de pavimento naquelas zonas que o precisaban -a base de saburra (zahorra) ou de pedras- e realizáronse gabias e pasos de auga. Tamén se realizaron melloras na sinalización, unificando todos os tipos de sinais e de rehabilitación naqueles tramos que o precisaban.
En canto a mellora da sinalización, consistiu na colocación de sinais de varios tipos: cunchas nas paredes naquelas interseccións nas que había edificacións, fitos de pedra como os xa existentes nos que se sinala o punto quilométrico cada 500 metros de distancia, nos lugares declarados BIC colocáronse sinais especiais (peza de bronce), nas zonas urbanas colocáronse sinais verticais e un panel informativo na entrada do concello (na zona de San Martiño).
Co anuncio do remate do plan director do Camiño de Santiago para o período 2015-2021, o vicepresidente primeiro do Goberno galego e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, apuntaron a pasada semana en Rodeiro, que xa se licitou un segundo plan director para as rutas xacobeas da comunidade, que marcará as actuacións que leven a cabo nestes itinerarios ata o ano santo compostelán do 2027.