Rematados os traballos do miradoiro e do acceso ao túnel romano de Montefurado
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de rematar as obras de acondicionamento do miradoiro e do camiño polo que se accede ao túnel romano de Montefurado, en Quiroga, unhas actuacións ás que destinou preto de 17.000 euros.
Os traballos serviron para mellorar a accesibilidade, seguridade e mesmo a visibilidade desde o miradoiro, na marxe dereita do Sil. Entre outras actuacións, reparáronse as varandas, regularizouse a superficie do chan e sinalizáronse a zona de aparcamento e o inicio do sendeiro. No espazo do miradoiro, acondicionouse a mesa interpretativa e recolocouse a varanda, aproximándoa á beira do cantil para así obter unha mellor perspectiva do túnel.
O túnel de Montefurado é un sitio natural e arqueolóxico cun notable valor paisaxístico e xeolóxico, amparado pola declaración de Ben de Interese Cultural da paisaxe da Ribeira Sacra e peza fundamental do xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel. Ten tamén un extraordinario valor histórico ao ser unha mostra representativa e practicamente única do sistema de explotación mineiro aurífero de época romana, non só do noroeste da Península Ibérica senón en todo o ámbito do antigo Imperio Romano.
Unha galería para desviar o caudal
Esta galería artificial foi realizada na época romana no marco dunha gran explotación mineira aurífera. Perforaron o macizo rochoso para desviar o caudal do río Sil por este novo túnel, co obxectivo de desecar o meandro natural e aproveitar os depósitos auríferos asociados ao mesmo.
No momento da súa construción a lonxitude orixinal debía chegar aproximadamente aos 120 metros e a anchura aos 20 metros, aínda que na actualidade só se conservan uns 52 metros de lonxitude debido a varios derrubamentos que se produciron ao longo do tempo, un dos máis importantes documentado na década dos anos 30 do século XX.