Rematadas as obras na estrada de Paradapiñol en Quiroga
Remataron os traballos de rexeneración da estrada de Paradapiñol no Concello de Quiroga. Os traballos estaban incluídos en dous proxectos distintos. O primeiro financiado polo propio Concello de Quiroga, con 48.000 euros, incluía a rexeneración da estrada dende Paradapiñol a Paradaseca. O segundo proxecto, incluído dentro do Plan Estratéxico de Infraestruturas dos Municipios (PEIM) 2021/2022 da Xunta de Galicia, cun presuposto de 56.652 euros, contemplaba a rexeneración da estrada dende Paradapiñol a Rugando.
O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, acompañado do concelleiro de cultura, José Luis Rivera, achegouse ata esta estrada para comprobar o remate duns traballos que consistiron na limpeza das cunetas, no bacheo e na colocación dunha nova capa asfáltica con dobre tratamento naqueles puntos onde era máis necesario.
A rexeneración destes dous tramos únese a levada a cabo o pasado ano dende o seu inicio no entronque da estrada vella á Rúa ata o núcleo de Paradaseca. Unha vez rematados estes traballos quedaría totalmente rexenerada a estrada ata Rugando cun orzamento total de máis de 154.000 euros.