Rematadas as obras de reforma no IES A Pinguela de Monforte
Xa se remataron as obras de ampliación e reforma que se desenvolveron no Instituto de Educación Secundaria (IES) A Pinguela, en Monforte de Lemos, ás que se destinou preto de 230.000 euros de investimento.
No día de onte visitáronse as novas instalacións e afirmouse que “modernizan e dan resposta ás necesidades do centro”. Neste sentido, lembrouse que no pasado curso incorporáronse dous novos ciclos de FP dual á oferta educativa: o superior de Estilismo e dirección de peiteado e o medio de Calzado e complementos de moda.
As obras consistiron na construción dunha nova aula no edificio de talleres, dous vestiarios anexos ao pavillón, un baño accesible, un pequeno despacho e unha sala de instalacións. Ademais, executouse unha soleira de formigón de acceso entre a entrada traseira do recinto e o edificio do comedor.
Ampliar o inmoble que acolle os talleres supuxo executar un forxado a dobre altura, a apertura de fiestras nunha das fachadas para iluminar e ventilar, e a redistribución dos tabiques da planta superior para incorporar o acceso á nova aula, entre outros traballos.
Incluíronse outras reformas neste espazo, mudando a carpintería e a fiestra da outra fachada e cubrindo o patio anexo cunha cuberta lixeira e estrutura a base de perfís metálicos.