Rematadas as obras de acondicionamento entre os núcelos de Vilar e Sisto, en Taboada

O alcalde de Taboada, Roi Rigueira Agromartín, vén de informar de que xa remataron as obras de acondicionamento da pista que une os núcleos de Vilar e Sisto, na parroquia de Vilela, e que chega tamén ata a Igrexa Vella.
O arranxo, unido aos traballos realizados pola brigada de obras e servizos do Concello de Taboada nesta área, “melloran e moito o estado orixinal desta vía, moi tansitada debido á presenza de explotacións gandeiras e tamén de establecementos comerciais nos arredores”, explica o rexedor.
Os traballos estiveron a cargo do Plan de mellora de camiños municipais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), ao igual que o acondicionamento dun camiño público de acceso a unha explotación gandeira en Vilariño, na parroquia de Xián, e a vía que une os núcleos de O Penso e A Gaiola, na de Cerdeda, explican dende o Goberno municipal.