Rematadas as novas áreas de hospital de día e farmacia de Monforte
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou o Hospital de Monforte, centro da rede sanitaria pública galega no que a Xunta vén de investir 1,5 millóns de euros para acadar dous obxectivos, por un lado ampliar o hospital de día oncohematolóxico e, ademais, mellorar o servizo de farmacia hospitalaria.
No que atinxe á ampliación do hospital de día, tanto para o servizo oncohematolóxico como para outros servizos a pacientes crónicos nunha área polivalente, o conselleiro sinalou que agora está instalado no segundo andar e duplica a súa superficie respecto á que tiña anteriormente (337 m2 fronte a 160). Así, a área oncohematolóxica conta cunha superficie aberta con oito postos de tratamento ampliables, e, ademais un cubículo independente para atender enfermos illados. A área polivalente tamén ten un cubículo independente para pacientes illados e outros seis postos en superficie aberta. Cada área dispón da súa sala de vestiario e baño adaptado para os enfermos.
Xunto ao anteriormente sinalado, ao estar xuntas as salas, ademais de poder distribuír de maneira máis axeitada aos pacientes en función das necesidades asistenciais, as dúas áreas de hospital de día compartirán zonas como o control de enfermería ou os tres despachos de consulta, conseguindo incrementar a actividade sanitaria de maneira máis eficiente.
A obra consolida o hospital de día oncohematolóxico que, dende 2014, evita que pacientes con tratamento de quimioterapia teñan que desprazarse a Lugo
Respecto do servizo de farmacia hospitalaria, directamente relacionado co anterior posto que prepara os tratamentos de quimioterapia, dispón dunha “sala branca”, espazo destinado a garantir a calidade na preparación destes fármacos e a seguridade dos profesionais. Máis alá desta sala, créanse dous despachos de dispensación externa, con sala de espera e sala de desembalaxe. En total, súmanse 255 m2 máis á superficie da actual farmacia. E, por suposto, dixo o conselleiro, equipáronse estes espazos e mercouse un almacén automatizado, cábinas e unha máquina reenvasadora, no que se investiu 100.000 euros, “para asegurar a calidade e seguridade de profesionais e pacientes”.
Estas melloras “amosan a aposta clara da Xunta por este centro da rede do Sergas”, remarcou o máximo responsable da sanidade pública galega.
Plan director, proxecto con visión de futuro
Respecto do Plan director, que supón unha restructuración completa do hospital, o conselleiro sinalou que a Xunta está a traballar na redacción dos pregos para contratar o proxecto que defina superficies e materiais, así como na execución que planifique as fases da obra para interferir o mínimo posible na prestación asistencial.
Deste xeito, nos orzamentos do vindeiro ano, consignaranse fondos para financiar o contrato de redacción dese Plan director. Co documento do Plan director rematado, comezaranse a licitar as obras das distintas fases que se levarán a cabo sucesivamente ata completar un investimento de 15 millóns de euros, -dixo García Comesaña-.
En conclusión, subliñou o conselleiro, “un traballo de planificación a medio e longo prazo que queremos iniciar canto antes e que amosa que hai un proxecto cunha visión de futuro para continuar e mellorar a actividade asistencial neste hospital durante moitos anos”.
Aposta polos hospitais comarcais
Segundo remarcou García Comesaña, “o 85% da poboación galega atópase a menos de 30 minutos do seu hospital de referencia e os hospitais comarcais son unha peza clave para poder ter esa realidade de proximidade asistencial”. Por iso, a Xunta vai facer o que estea na súa man para manter en plena forma estes centros. En primeiro lugar, abordando a cobertura de profesionais. Así, prestar servizos nestes centros proporciona ao persoal puntuación extra á hora de estabilizar emprego ou mellorar salario.
En segundo lugar, a aposta da Xunta polos hospitais comarcais o reflicte a mellora das infraestruturas. Deste xeito, entre as obras xa rematadas e as licitadas, “o investimento do Executivo galego nestes centros supera os 32 millóns de euros en melloras, e esa cifra vaise incrementar con eses proxectos xa en marcha na totalidade dos hospitais comarcais galegos”, concluíu García Comesaña.