Rematada a segunda fase das obras de mellora da rede de saneamento urbano de Monforte

RibeiraSacraXa
Os últimos traballos consistiron no asfaltado da rúa Concepción Arenal e Doutor Casares
monforte-obras-asfaltado
José Tomé supervisa as obras de asfaltado en varias rúas de Monforte
4 Feb 2025

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, xunto coa tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, supervisaron na tarde de onte as obras de asfaltado na rúa Concepción Arenal e parte da rúa Doutor Casares. Estas intervencións forman parte da segunda fase de mellora na rede de saneamento urbano de Monforte, no marco do proxecto desenvolvido polo Concello en colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Concretamente, na rúa Concepción Arenal os traballos consistiron no deseño e execución dunha rede separativa, tanto nesta vía como na rúa Rosalía de Castro. Instaláronse novos colectores que substitúen a condución unitaria existente. Ademais, na rúa Concepción Arenal colocouse un separador hidrodinámico como dispositivo de tratamento de augas pluviais, permitindo a súa saída ao río Seco.

Por outra banda, na rúa Doutor Casares procedéuse ao fresado e asfaltado do firme tras a renovación previa dos colectores de saneamento. Instaláronse novas tubaxes e acometidas tanto para augas pluviais como para augas residuais, conectadas aos novos pozos de rexistro. Así mesmo, renováronse os imbornais, instalando novos con sifón para evitar posibles cheiros procedentes da rede unitaria.
Unha vez finalizadas as obras, reposáronse os bordos e o pavimento das beirarrúas, ademais da sinalización vertical e o alumeado público. Tamén se levou a cabo o fresado da capa de rodadura da calzada antes de proceder ao asfaltado definitivo.

Estas actuacións forman parte da segunda fase do plan de mellora na rede de saneamento urbano de Monforte, que inclúe intervencións noutras vías como a rúa Carude, o colector de Malloadas, a rúa Concepción Arenal, a rúa Rosalía de Castro, a rúa Doutor Casares-Morín e a prolongación de Xoan Montes.

O orzamento total destas obras ascende a 1,8 millóns de euros e a adxudicación foi outorgada á empresa Misturas Obras e Proxectos, pertencente ao grupo Extraco. A financiación provén nun 80% da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e nun 20% do Concello de Monforte.

O alcalde, José Tomé, destacou que “se están subsanando as infiltracións que sobrecargan a rede e os alivios de augas residuais e abórdanse tamén, nesta mesma actuación, a mellora da rede de saneamento de varias rúas, por estar en mal estado na maioría dos tramos, causando un funcionamento deficiente”.
As principais metas destas obras son, por un lado, reducir a incorporación irregular de augas brancas á rede debido a deficiencias construtivas e ao estado de conservación dos pozos e colectores, e por outro, realizar reparacións estruturais nas rúas mencionadas, que requiren unha intervención urxente. Este proxecto dá continuidade ás melloras na rede de saneamento de Monforte, que na súa primeira fase xa abarcara rúas como Santa Clara, A Veiga, Chantada, Juan Montes e Padre Feijoó.

 

 

0.17434000968933