Remata o obradoiro SilLor X, que se levou a cabo durante un ano en Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel

RibeiraSacraXa
O obradoiro contou coa participación dun total de 20 alumnos: 7 no Concello de Ribas de Sil, 7 no de Folgoso do Courel e 6 no de Quiroga, que foi o promotor da actividade
Alumnado do obradoiro SilLor X
Alumnado do obradoiro SilLor X
30 Nov 2024

O obradoiro SilLor X, que hai un ano puxeron en marcha conxuntamente os concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, co respaldo da Consellería de Emprego e Igualdade, chegou ao seu fin este venres. A entrega de diplomas estivo a cargo dos alcaldes José Luis Rivera, Roberto Castro e Lola Castro, xunto coa Directora Territorial de Emprego, Carmen José.

En total, participaron 20 alumnos traballadores: 7 no Concello de Ribas de Sil, 7 no de Folgoso do Courel e 6 no de Quiroga, que foi o promotor do obradoiro. Este programa estivo enfocado en "Operacións básicas de revestimentos lixeiros e técnicos en construción".

Durante os doce meses de formación e traballo, os participantes realizaron distintas tarefas. En Quiroga, acondicionaron o edificio multiconfesional, repararon os vestiarios do campo de fútbol San Martiño, melloraron o Centro Social de Quiroga e rehabilitaron as piscinas municipais. En Ribas de Sil, traballaron na Escola de Peites, na de Nogueira e no pavillón municipal. En Folgoso do Courel, realizáronse melloras nas escolas de Mostaz e Miraz de Arriba, ademais de actuacións en camiños e espazos públicos.

Os tres alcaldes destacaron que os obradoiros duais de emprego son programas públicos que buscan mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas, e subliñaron tamén o esforzo que realizan os concellos para ofrecer estas oportunidades laborais aos veciños. Lamentaron, con todo, os casos nos que algún alumno non demostra compromiso.

Pola súa banda, a Directora Territorial de Emprego, Carmen José, destacou dous aspectos clave: a mellora na empregabilidade que estes programas proporcionan, favorecendo o asentamento da poboación nas áreas rurais, e o beneficio que as obras realizadas xeran para toda a comunidade.

A actividade finalizou co anuncio do novo obradoiro SilLor 11, que dará cabida a 20 novas persoas que comezarán a súa formación.

0.16687989234924