ReferentAS

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Achégate á música clásica da man de Rebeca Maseda, que narra dende preto, historia, cultura e paixón por esta arte.
rebeca maseda fotos nueva 2022
11 May 2022

Por Rebeca Maseda

Raquel e Marta. Dous nomes. Dous nomes de muller. Dous fermosos nomes de muller.  Dúas mulleres moi especiais. Dúas mulleres artistas.

Cando era tan só unha cativa –igual que tantas e tantos nenas e nenos- pensaba, “eu  quero ser como...”. Empecei a tocar o violín con oito anos e lembro perfectamente como  admiraba –e admiro- a tantos grandísimos violinistas: David Oistrakh, Itzhak Perlman, Jascha  Heifetz, etc. Por aquel entón non tiña en mente moitos nomes de muller, posiblemente a máis  famosa fora a violinista alemá Anne-Sophie Mutter, unha auténtica estrela! Afortunadamente  a día de hoxe podería nomear moitísimas máis: Janine Jansen, Lisa Batiashvili, Hilary Hahn,  Arabella Steinbacher, Isabelle Faust, Julia Fisher, Vilde Frang, María Dueñas, Leticia  Moreno... Todas elas excelentes violinistas, grandes artistas que admiro e, sen dúbida, persoas  de referencia.

Penso que é de vital importancia ter referentes ao longo da vida, especialmente na etapa  de formación, fase que para ben ser, xamais remata na vida dun músico. Como vos dicía,  podería enumerar unha longa lista de nomes de persoas ás que admiro profundamente, algunhas  máis lonxe, outras que teño o pracer de coñecer en persoa.

Concretamente quixera falarvos  dunha muller que, por fortuna, se atopa neste último grupo: Raquel Areal Martínez (Tui, 1999).  Unha excelente violinista, unha artista con maiúsculas, unha persoa marabillosa. Si, un  referente, e ademais, de aquí ao ladiño! Hai unhas semanas tiven o pracer de poder escoitala  xunto á Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, interpretando o Concerto para violín en Re  M, op. 35 de P.I.Tchaikovsky. Foi absolutamente xenial! Unha mestura perfecta de lirismo e  virtuosismo aliñada co ingrediente máis importante para min, un compromiso total coa música,  coa partitura e co público. Xamais deixará de fascinarme a xenerosidade das e dos grandes  artistas sobre o escenario, esa entrega absoluta que non se paga con diñeiro. Un regalo para  calquera ouvinte con interese. Así que, moitísimas grazas Raquel, porque insisto, é moi  importante ter referentes e ti es, sen dúbida, fonte de inspiración para moitas nenas e nenos, e  non tan nenos...

Seguindo con persoas de referencia, aquí vai outro nome propio que me fascina: Marta  Pazos (Pontevedra, 1976). Directora de escena, escenógrafa, actriz, unha creadora xenial. Se  penso na súa obra, hai centos de palabras e ideas que se me veñen á cabeza, pero hai unha que  berra con máis forza: fantasía. Fantasía pura e infinita impregna a obra desta artista, da que  recentemente tiven a sorte de desfrutar no Salón Teatro de Santiago de Compostela con “Ás

oito da tarde cando morren as nais”: “un canto coral sustentado no baleiro, un xogo irónico  sobre a relación entre o teatro e a súa recepción. Aquí, a procura da identidade individual,  amparada na masa superficial e ignorante, que presume de coñecementos inútiles, amósase  indecente. Nun teatro, lugar (supostamente) de encontro, asistimos ao espectáculo da estupidez.  E debaixo de todo o insultante: nós. Tan pequeniños, tan perigosos…”.

Música, danza, flores, cores, todo é vermello, todo é verde, todo é beleza. Encántame a  sensación de mergullarte nunha especie de universo paralelo onde todo é posible: persoas de  pernas infinitas que camiñan polas nubes, actrices e actores que de repente son público, público  que de súpeto salta ao escenario; todo está do dereito e do revés ao mesmo tempo, nunha orde  máxica.

Magnífica obra de teatro onde o texto de Avelina Pérez e a dramaturxia de Marta Pazos  forman un tándem perfecto, completado ademais por un excelente elenco de actrices e actores  que non nos deixan de sorprender con cada frase, con cada movemento.

Tomade nota, Raquel Areal e Marta Pazos, dúas pontevedresas que inspiran, dúas  mulleres de referencia.

0.17436814308167