Rede Museística impulsa exposicións, obradoiros e actividades do programa CoidArte
A Rede Museística da Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa o programa CoidArte. Trátase dunha iniciativa de Museoloxía Social con actividades que van dende exposicións, webseries ou obradoiros que percorrerán os catro centros. A deputada de Cultura, Iria Castro, e a xerente da Rede, Encarna Lago, presentaron este programa que se alargará durante o mes de decembro.
O obxectivo desta proposta cultural e educativa é coidarse dende o emocional ao físico, xerando unha rede de actividades para todos os públicos e centradas no Nadal. Tamén se inclúe unha nova edición de Fotografía a Cegas, un programa que este ano se centra nos retos do imposible e que, entre outros temas tocará a sinestesia.
Iria Castro destacou a importancia destas actividades que “abren as oportunidades e permiten o acceso a distintas modalidades artísticas a persoas de todas as idades, dende nenos ata persoas maiores, e condicións. Unha oportunidade para coñecer os centros da Rede Museística e descubrir o valor da cultura”.
O Museo de Lugo acollerá un curso de Ioga e arte, que xa comeza esta semana, os martes e xoves de 11 a 12:30 e os venres dende as 18:30 ás 20 horas, para o que no é necesario inscrición previa. Ademais, presentarase a accesibilidade da Sala Castelao deste centro, que acollerá un obradoiro de Cogami Monterroso e a presentación do material de apoio á inclusión o martes 19 de decembro.
Un día antes, coincidindo co Día do Migrante, realizarase unha presentación da web serie Ronsel de futuro. Historias Soterradas, ás 19 horas no Museo e, ás 20 horas será no Vello Cárcere. Tamén nesta xornada se presentará, na Sala Multiusos do Museo de Lugo Mulleres nas aldeas. Culturas en Diálogo, que busca centrar a atención nas mulleres inmigrantes que traballan no rural coidando.
Dende o 19 de decembro ata o 1 de marzo, o fotógrafo Adra Pallón exporá Intrahistorias: Luz entre as cinzas nos 4 museos da Rede. As imaxes, realizadas nos últimos 5 anos, reflicten o día a día dos lucenses en distintas realidades. O Museo de Lugo contará cunha colección de fotografías dos incendios da provincia; no Pazo de Tor estarán imaxes de feirantes; en San Paio de Narla o protagonismo estará no rural e no Museo do Mar a Loita de Alcoa centrará a exposición.
A programación péchase con obradoiros nos catro museos da Rede Museística centrado nun público infantil ou familiar:
- Somos Capaces, somos diversxs: 2 de decembro no Museo do Mar (Cervo)
- Camiños de Volta Museo Provincial do Mar: 6 de decembro no Museo do Mar (Cervo)
- Un Nadal para xogar: 22 de decembro na Fortaleza Dan Paio de Narla (Friol)
- Obradoiro de Nadal ARTE-sa: 27 de decembro no Museo do Mar (Cervo)
- A luminaria no Pazo de Tor: 27 de decembro no Pazo de Tor (Monforte)