Recupérase a Subida a Taboada despois de 17 anos sen celebrarse
A Subida a Taboada será a ultima proba do Campionato Galego de Rally de Montaña, a segunda na provincia, despois da Subida á Pontenova.
A Subida a Taboada, que se celebrará os días 4 e 5 de novembro, volve ao calendario galego, despois de 17 anos sen celebrarse. O vicepresidente da Deputación e deputado de Deportes Efrén Castro e o concelleiro de Cultura, Deportes e Medio Rural de Taboada Manuel Diéguez reuníronse este venres para concretar unha colaboración institucional que permita recuperar esta proba de montaña.
O Concello de Taboada e a Escudería Taboada coorganizan a carreira que terá o mesmo trazado que a última edición, celebrada en 2006, nun treito da estrada entre Rubián e Taboada, á entrada da vila.
Efrén Castro asegurou que se trata dunha axuda “coa proba no apoio da área de Deportes ao automobilismo, con achegas e colaboracións cos rallys de asfalto e montaña que se celebran nas distintas comarcas e tamén con programas e convocatorias específicas para pilotos de rally”.
Pola súa banda, Manuel Diéguez incidiu no compromiso da concellería de Deportes de Taboada para facer realidade a recuperación do rally, que pretenden “consolidar como un referente desta modalidade na comarca aproveitando tamén a oportunidade que supón para dinamizar a vila".
A Subida a Taboada será a ultima proba do Campionato Galego de Rally de Montaña, a segunda na provincia, despois da Subida á Pontenova, que tamén conta coa colaboración da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.