Recuperarase o topónimo de Doade para o embarcadoiro que hai na zona monfortina

RibeiraSacraXa
Recuperarase o topónimo de Doade para o embarcadoiro que hai na zona monfortina despois dunha pregunta do BNG á Xunta
Embarcadoiro de Doade Monforte
27 Mar 2023

O BNG acadou o compromiso da Xunta para interceder ante a Área da Deputación de Lugo co fin de recuperar o topónimo de Doade para o embarcadoiro na zona monfortina.

Carme Aira explicou que a parroquia bañada polo río Sil na zona monfortina conta cun embarcadoiro da Deputación de Lugo que cando comezou a súa actividade "foi denominado como Embarcadoiro Doade, e o de fronte, no lado ourensán, Embarcadoiro Abeleda".

Ámbolos dous nomes están referidos aos lugares nos que están situados, pero no embarcadoiro monfortino a presenza dun establecemento baixo o nome Ponte do Sil provocou que o embarcadoiro de Doade fora denominado tamén Embarcadoiro Ponte do Sil.

Esta circunstancia, sinalou a deputada, "levou a un gran número de turistas coa intención de facer a ruta en catamarán a acabar en Ponte do Sil do Concello de Ribas do Sil e non no embarcadoiro do río, producindo unha afectación do turismo na zona, que é un dos sectores que mantén o emprego na Ribeira Sacra".

A deputada considera que "oficialmente o nomenclátor galego recolle esta parroquia no Concello de Sober, pero na práctica tamén o territorio que pertence historicamente a Monforte forma parte desta parroquia, e os seus habitantes así o senten e a Xunta non pode permitir negar este feito".

Para estes habitantes, engadiu Carme Aira, “non é unha cuestión menor e precisan ter claro quen ten as competencias sobre a nosa toponimia e o seu exercicio” e advirte que, en ningún caso, van consentir que sexa borrada.

Por outra parte, lembrou que a organización parroquial galega é secular e transcende o relixioso e o político, e identifica o territorio dun xeito administrativo e social. A Ribeira Sacra "denomínase a Ribeira de Doade e iso non admite dúbida algunha". argumentou.

Turismo

Ademais, dixo, "é necesario impulsar o sector do turismo como motor e sostén da nosa economía, así como facilitar a fixación da poboación nova nesta zona". Por isto, dende o BNG, afirmou, "demandamos respecto institucional á poboación e isto inclúe o respecto á súa toponimia”.

"É competencia e responsabilidade da Xunta de Galiza respectar a toponimia galega", polo que volveu a preguntar que accións iniciará o goberno para garantir que “a parroquia de Doade siga identificándose co topónimo de Doade con todos os seus lugares, sen risco de que no futuro acabe perdéndose ese nome nese lugar concreto”.

Intervención do PP

Tras a intervención da deputada do BNG, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, tras destacar o valor do topónimo, comprometeuse a mediar coa Área de Turismo da Deputación de Lugo para recuperar a denominación Doade.

Considerou que para a secretaria de Política Lingüística sería “válida” a denominación do Embarcadoiro de Doade e recalcou que a Xunta sempre defende os topónimos de referencia tradicional da zona e ese, remarcou, “é o noso criterio”.

0.42824482917786