Recuperan un antigo forno de cal en Quiroga

RibeiraSacraXa
A recuperación desta antiga construción converte a Cereixido no único lugar onde hai dous antigos fornos de cal xuntos
antigo forno cal cereixido quiroga
1 Mar 2021

Quiroga vén de recuperar un novo forno de cal no Souto da fonte da Caleira, en Cereixido. O novo forno, que está moi preto doutro que xa se podía visitar nesa zona, estaba practicamente soterrado. A singularidade do lugar radica agora en que é o único que se coñece que teña dous fornos de cal xuntos, sen descartarse ademais a posibilidade de que haxa algún máis.

O Concello de Quiroga ten inventariadas unha ducia destas construcións, que acostumaban atoparse naqueles sitios onde existían pequenas vetas de rocha calcárea ou na súa contorna, xa que era aí onde se desenvolvía unha pequena actividade industrial relacionada coa produción de cal.
Nas zonas de Cereixido, Paradaseca, Vilarbacú e a Seara existiron e aínda se conservan a día de hoxe fornos de cal. Estas construcións empregábanse para obter cal a partir da pedra calcárea, someténdoa a altas temperaturas con chama viva.

O PROCESO

O forno de cal é unha construción circular dos muros de pedra aberta pola súa banda superior. Ademais, ten unha pequena abertura ou boca na base do muro para introducir o combustible. Normalmente construíanse en terreos inclinados para aproveitar o foso escavado e aforrar a construción de parte do muro.
O proceso de fabricación do cal era sinxelo pero sacrificado. O caleiro colocaba as pedras calcáreas no interior do forno, deixando un amplo oco central para acender o lume. Pedra a pedra conformaba unha bóveda, finalizándoa desde o exterior superior do forno tapando a abertura superior con grandes laxas.
Pola boca inferior introducíase madeira para queimar ata completar o oco da bóveda formada polas pedras calcáreas.

O lume ardía durante unhas 60 horas e mantíñase sobre todo con queirugas e toxos. Unha única xornada podía consumir ata 50 carros de toxo. Tal traballo requiría de varias persoas, que ían facendo quendas de 4 horas, día e noite. Finalizada a calcinación, o forno arrefriábase durante 3 días. As pedras sacábanse pola parte superior, xa totalmente brancas debido á calcinación, e eran comercializadas enteiras ou moídas e convertidas en po.

A cal obtida sempre foi moi utilizada para cuestións como facer argamasa ou cemento, pintar ou branquear paredes, como corrector da acidez do chan na agricultura, branquear roupa, fabricar papel e vidro ou para curtir.
0.06925106048584