Realizan un balance sobre a reciclaxe de residuos na Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
Cada veciño da Ribeira Sacra reciclou o ano pasado unha media de 18,06 kg de residuos domésticos ao depositalos de forma separada.
contenedores reciclaxe
21 Ago 2021

Cada veciño da Ribeira Sacra reciclou o ano pasado unha media de 18,06 kg de residuos domésticos ao depositalos de forma separada nos contedores amarelo (reservados para os envases de plástico, latas e briks) e azul (papel e cartón). Grazas a este esforzo, a poboación dos 20 concellos lucenses e ourensáns que integran esta comarca logrou recuperar en 2020 un total de 1,03 millóns de kg de lixo a través da recollida selectiva.

Así se sinalou no miradoiro da adega Regina Viarum, en Sober, para facer balance sobre a reciclaxe de residuos nesta zona.

Sumados en conxunto, os datos da recollida separada nos municipios lucenses de A Pobra de Brollón, Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, O Saviñao, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober e Taboada amosan unha tendencia positiva nos últimos anos, incluso tendo en conta as dificultades para o transporte e a recollida do lixo características de concellos cunha forte dispersión como estes.

En todo caso, nun ano marcado pola covid e os sucesivos confinamentos e grazas tamén ao continuo reforzo do número de contedores para facilitar o hábito de reciclar, a veciñanza da Ribeira Sacra logrou recuperar o ano pasado 8,64 kg de envases lixeiros e 9,43 kg de papel e cartón de media por habitante.

Neste sentido, cómpre subliñar que en 2020 a rede de puntos de reciclaxe nesta zona viuse ampliada coa instalación de 54 novos contedores amarelos e azuis, pasando dos 1.394 que había a comezos do exercicio aos 1.448 que tiña ao final. De feito, o concello de Sober foi un dos máis reforzados, ao incorporar 12 novos equipamentos: 10 para a recollida de envases e outros dous para os residuos de papel-cartón.

En todo caso, insistiuse tamén na necesidade de manter as accións de información e sensibilización co fin de afinar a separación que fan os cidadáns nos seus fogares.

Así mesmo, tamén se felicitou aos rexedores da Ribeira Sacra polo seu compromiso e implicación coas políticas que promoven un aproveitamento turístico e económico sostible dos recursos naturais existentes na zona. Neste sentido, lembrou que 16 dos 20 concellos da comarca xa están adheridos ao Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía, o maior movemento internacional para afrontar en clave local o cambio climático.

A reciclaxe, un hábito cada vez máis estendido

Pola súa parte, subliñouse que o compromiso da sociedade galega coa recuperación de envases domésticos se reforza ano tras ano, converténdose no hábito ambiental máis estendido entre os fogares da Comunidade. Neste sentido, engadiu que o ano pasado se firmaron 186 acordos con distintos concellos para concienciar e acercar a reciclaxe á cidadanía, co obxectivo de facer de Galicia unha sociedade 100% recicladora.

Cómpre lembrar que en 2020, no conxunto da Comunidade, se recuperaron e enviaron a instalacións de reciclaxe homologadas un total de 71.130 toneladas de residuos domésticos procedentes dos contedores amarelo e azul, unha cifra que confirma o incremento constante das taxas de reciclaxe en Galicia durante os últimos cinco anos.

0.17585301399231