Reábrese ó tráfico na ponte de Piñeira, en Monforte, tralas obras de arranxo do seu piar
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, achegouse ata a ponte de Piñeira para proceder a ordenar a apertura ó tráfico unha vez rematados os traballos de construción do piar número dous.
“Unha vez rematadas as obras de arranxe da ponte de Piñeira, e levados a cabo os pertinentes estudos que certifican que a súa estrutura está revisada e reparada e que o novo piar está endurecido”, subliñou o alcalde, “procedemos ó restablecemento do tráfico de vehículos e de persoas sobre ela”.
Deste xeito, o Equipo de Goberno cumpriu cos prazos previstos de reparación e construción do novo piar, xa que hai unhas semanas o rexedor monfortino anunciara o remate dos traballos para finais de outubro ou principios de novembro, dependendo da evolución da climatoloxía.
As actuacións na ponte de Piñeira foran contratadas por emerxencia polo Concello monfortino á empresa Extraco, e consistiron na reposición do piar número dous da ponte, logo de que esta estrutura fora pechada ó tráfico e ós peóns a finais do pasado mes de xuño, tras detectarse unha deficiencia.
O custo aproximado das actuacións de reparación alcanzaron os 242.000 euros, “unha inversión certamente importante porque temos un arranxo que vai durar moito tempo, e ademais, aproveitamos para levar a cabo unha revisión integral de toda a ponte”, subliñou o alcalde.
“Queda aberto o tráfico nesta ponte que é moi transitada polos veciños de Piñeira, pero tamén por moitos vehículos e camións que transitan por esta zona periférica da cidade, pois é unha verdadeira vía de circunvalación para evitar o paso polo centro de Monforte”, concluíu José Tomé.