Quiroga traballa na renovación da rede de abastecemento de auga municipal

O Concello de Quiroga continúa avanzando no proxecto de renovación da rede de traída de auga potable municipal en varios tramos da vila. Actualmente, segundo explican desde o Concello, os traballos céntranse na rúa Caurel, á altura da rúa dos Tallos, onde se está procedendo á instalación dunha nova tubaxe.
O alcalde, José Luis Rivera, e o concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Luis Manuel Arias, visitaron recentemente a zona para supervisar as obras. Esta fase do proxecto abrangue un tramo duns 100 metros e conta cun orzamento de 14.700 euros, financiado a través do programa de rexeneración e renovación urbana no marco da Área de Rehabilitación Integral (ARI) do núcleo de Quiroga.
Este plan de mellora, segundo informan desde o Concello, xa actuou previamente noutros dous tramos críticos da rede: un na Rúa Río Sil, cunha lonxitude aproximada de 107 metros, e outro na Rúa Real, na zona das Barrancas, entre a intersección coa Rúa Praia e a Rúa Piscinas, cunha extensión duns 152 metros. Estas intervencións contaron cun orzamento superior aos 35.000 euros.
Segundo o departamento de augas do Concello, estes tramos eran os que rexistraban máis avarías debido á antigüidade das tubaxes, fabricadas en fibrocemento, un material deteriorado que provoca frecuentes fugas. Por este motivo, estase a proceder á súa substitución por novas tubaxes de PVC, máis seguras e duradeiras.