Quiroga traballa na mellora das infraestruturas de abastecemento de auga

RibeiraSacraXa
O concello de Quiroga traballa na mellora das infraestruturas de abastecemento de auga tralos incendios forestais
auga fonte
3 Out 2022

O concello de Quiroga está a restablecer as infraestruturas de abastecemento de auga que quedaron danadas cos incendios.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, vén de asinar co alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, o convenio de colaboración para restablecer as infraestruturas de abastecemento de auga danadas polos incendios forestais cun investimento autonómico de preto de 140.000 euros.

Trátase de repoñer a tubaxe de abastecemento de auga potable na zona de captación de Leixazós, danada en xullo por mor dos incendios, para dar servizo aos núcleos da Ermida, San Vitorio, Pacios de Mondelo e ao casco urbano de Quiroga, que suman 1.289 usuarios.

Para isto, os traballos previstos no convenio de colaboración consisten na retirada da tubaxe queimada e na instalación dunha nova que proporcione un servizo eficiente aos veciños.

No que se refire aos compromisos establecidos no acordo, a Xunta, a través de Augas de Galicia, financiará integramente as intervencións e asesorará ao Concello desde o punto de vista técnico.

Pola súa banda, o municipio executará as obras proxectadas para resolver as citadas carencias no sistema de abastecemento municipal.

A Xunta continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente e sostible.

0.15915203094482