Quiroga terá un punto de recarga de vehículos eléctricos
Quiroga contará en breve cun punto de recarga semirrápida de vehículos eléctricos. O Concello de Quiroga solicitou a unha empresa distribuidora a instalación dun punto de subministro en baixa tensión independente de 88 kw de potencia.
O punto de recarga semirrápida para os vehículos eléctricos contará con dúas prazas de uso simultáneo de 22 kw de potencia por cada toma e colocarase na rúa Real, á altura da marquesiña de autobuses.
Este punto permitirá a carga dun vehículo eléctrico en corrente alterna mediante unha conexión de tipo 2 ou MENNEKES, o conector actualmente homologado como standard en Europa.
A súa utilización e o pago das recargas xestionarase a través da tarxeta Smart Mobility ou dunha aplicación móbil (Recarga Pública Iberdrola) que permitirá incluso reservar a hora na que se quere realizar a recarga.
Os vehículos eléctricos, reducen substancialmente el ruído, o dióxido de nitróxeno e a contaminación por partículas, teñen cero emisións no tubo de escape e poden facerse libres de CO2. Por estas razóns é polo que, seguindo as recomendacións da Unión Europea, en España a partir do 2040 deixarán de venderse vehículos de gasoil ou gasolina para que a partir do 2050 o parque de turismos e vehículos comerciais lixeiros será unicamente eléctrico.