Quiroga será o punto de partida dunha nova proba internacional de piragüismo en xuño

RibeiraSacraXa
A Gold River Race pasará tamén por Monforte e Sober. Os organizadores agardan reunir a preto de 200 dos mellores palistas de todo o mundo.
piraguismo
31 Mar 2021

Quiroga será o punto de partida da primeira edición da Gold River Race, unha proba de piragüismo que se desenvolverá do 24 ao 27 de xuño e que pasará tamén por Monforte e Sober. Os organizadores agardan reunir a  preto de 200 dos mellores palistas de todo o mundo.

O deseño orixinal da Gold River Race consta de sete etapas, partindo das Médulas para chegar ata A Guarda. Nembargantes, nesta primeira edición e en tempos de pandemia, fixouse un percorrido máis curto. Así, o 24 de xuño iniciarase o evento con adestramentos oficiais e recepcións. A partires de aí, do 25 ao 27, desenvolveranse tres etapas.

A primeira etapa, Augasmestas Quiroga-Monforte-Sober-Os Peares, de 50 quilómetros; a segunda, Ourense-Toén-Cenlle-Castrelo de Miño, duns 30 quilómetros; e a terceira e última, Crecente-Arbo-As Neves-Salvaterra, doutros 30 quilómetros. Cada xornada ten o seu nome, vencellado á denominación dos viños da zona: Ribeira Sacra Race, Ribeiro Race e Rías Baixas Race.

A proba organízana os clubs marítimos de Vigo e Canido, o Liceo Marítimo de Bouzas e mailo Club Piragüismo Olívico, coa colaboración das Federacións galega e española de piragüismo. O seu obxectivo é convertela na "proba de piragüismo máis longa do mundo", con máis de 300 quilómetros de percorrido, pero esa pretensión terá que agardar, cando menos, a partires de 2022. O Goberno autonómico incluíu xa a cita deste ano no calendario de eventos oficiais do Xacobeo.

A Gold River Race resérvase á K-2, se ben a organización está a estudar a posibilidade de abrila tamén a canoas.

0.16175293922424