Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso promoven obradoiros e seráns para recuperar a tradición da regueifa

A tradición oral galega volve a ter protagonismo coa celebración dun obradoiro de improvisación en verso e un serán de regueifas, organizados polos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel a través dos seus departamentos de Normalización Lingüística e co apoio da Xunta de Galicia.
O primeiro dos encontros será o venres 26 de setembro, cando alumnado de 5º e 6º de Primaria participará nun obradoiro práctico de improvisación oral. As sesións desenvolveranse entre as 10:00 e as 11:30 horas no CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel, e de 12:30 a 14:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Quiroga, para estudantes deste municipio e de Ribas de Sil.
A actividade contará coa participación dos coñecidos regueifeiros Luís “O Caruncho” e Pinto d’Herbón, que ofrecerán unha demostración inicial antes de introducir ao alumnado nos segredos da regueifa: desde a súa historia ata os vínculos coa improvisación doutros estilos musicais, como o rap. Tamén haberá unha parte práctica sobre técnica poética, na que se abordará o leixaprén, recurso métrico característico da poesía galego-portuguesa. O alumnado rematará o obradoiro creando e cantando as súas propias coplas.
Segundo explicou o concelleiro de Política Lingüística de Quiroga, Xosé Manuel Fernández, o obxectivo destas iniciativas é “fomentar o uso do galego, o enxeño e a retranca, aumentar o vocabulario, mellorar a autoestima, potenciar a musicalidade e sementar o gusto pola poesía”.
O segundo encontro será o xoves 3 de outubro, cun serán de regueifas no salón de actos do Concello de Ribas de Sil, a partir das 19:00 horas. Nesta ocasión, subirán ao escenario dúas voces destacadas da improvisación oral galega: Nuria das Cruces e Luís “O Caruncho”.
As actividades, patrocinadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta, contan coa colaboración da Asociación Oral de Galicia, entidade sen ánimo de lucro que traballa na investigación e promoción das regueifas e outros desafíos orais improvisados.