Quiroga retoma o taller de estimulación cognitiva e psicomotriz para maiores
Afamón, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias de Monforte en colaboración cos Servizos Sociais do Concello de Quiroga retomou na mañá de onte o seu taller de estimulación cognitiva, psicomotriz e da memoria para persoas maiores que sofren deterioro cognitivo.
Este taller, que quedara suspendido pola pandemia sanitaria, desenvolverase os luns e xoves no Centro de Día da Ribeira de Quiroga, en horario de dez da mañá a unha do mediodía.
Este programa de memoria ten como obxectivo a prevención e mellora de enfermidades cerebrais, especialmente as caracterizadas pola perda illada e obxectiva da memoria.
Todas as persoas que queiran participar poden pasar polas oficinas de servizos sociais do concello onde poderán inscribirse e recibir máis información.
Paralelamente os servizos sociais do concello, en colaboración con esta asociación, están estudando poder retomar tamén o taller de memoria, dirixido a todas as persoas que queiran estimular a súa memoria con diferentes exercicios.