Quiroga proxecta un novo campo de traballo para poñer en valor o castro de Penadominga

RibeiraSacraXa
O Concello plantexa que se faga entre o 25 de agosto e o 5 de setembro, para sinalizar o acceso e colocar un panel explicativo no castro
campo traballo quiroga
28 Feb 2021

O Concello de Quiroga traballa nun proxecto, que xa enviou á Xunta de Galicia, para que un novo campo de traballo siga a poñer en valor o Castro de Penadominga.

Un campo de traballo comezaba xa o pasado verán coa posta en marcha dun plan de acondicionamento encamiñado a que o Castro de Penadominga, na serra de Bendollo, se puidese visitar, pasando así a formar parte do intenso conxunto de recursos culturais e turísticos do municipio, como tamén do Xeoparque Montañas do Courel.

Os primeiros traballos consistiron no acondicionamento do propio castro, coa limpeza da maleza do monumento.
O proxecto deste ano, no que podería participar o campo de traballo arqueolóxico entre o 25 de agosto e o 5 de setembro, contempla a sinalización do acceso e a colocación dun panel explicativo no propio castro. Tamén se vai abrir un camiño que permita chegar ata alí, ademais de facer unha ruta circular aproveitando un antigo camiño que unía Bendollo con Vilar de Mondelo.
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que subvenciona os campos de traballo, traballa na posibilidade de que o deste ano sexa un campo de voluntariado nacional. En anos anteriores, os campos de traballo en Quiroga foron de ámbito internacional, agás o do pasado ano que se centrou na comunidade motivado por mor da pandemia sanitaria.
Os campos de traballo de Quiroga acondicionaron, nos últimos anos, diversos lugares de interese histórico e cultural do municipio. É o caso dun roteiro de sendeirismo, un tramo do Camiño de Inverno, o castelo dos Novaes, unha alvariza en Bustelo de Fisteus ou o acceso á fervenza do Pombar.
0.18848419189453