Quiroga presenta unha nova edición de ‘Descubrir Quiroga’ con actividades entre xuño e setembro

O Concello de Quiroga presentou unha nova edición do programa ‘Descubrir Quiroga’, unha iniciativa impulsada pola Concellería de Turismo en colaboración coa Deputación de Lugo. O proxecto está financiado nun 75% pola institución provincial e no 25% restante polo propio concello.
Durante o acto, o concelleiro de Turismo, Vicente Parra, destacou a importancia de revitalizar as zonas rurais, sinalando que o turismo pode e debe ser unha ferramenta clave para a súa recuperación. O obxectivo principal do programa é atraer visitantes ao concello e ao Xeoparque Montañas do Courel, apostando por un turismo sostible, de pequenos grupos e respectuoso co medio.
Despois do éxito da primeira edición, este ano o programa amplíase, pasando de 13 a 17 roteiros. Moitas das rutas do ano pasado mantéñense, pero nesta edición ponse un maior énfase na posta en valor do patrimonio material e inmaterial do municipio. Ademais, introdúcese por primeira vez unha ruta específica para os máis pequenos, en colaboración coa área de Infancia. Outra das novidades é a extensión temporal do programa, que se prolongará ata o mes de outubro.
Tal como sinalou Vicente Parra, todos os roteiros teñen como finalidade non só dar a coñecer o valioso patrimonio natural, cultural, gastronómico e etnográfico de Quiroga e do Xeoparque Montañas do Courel, senón tamén crear un mercado turístico estable. A idea é que os visitantes se queden varios días, realizando rutas, comendo e pernoctando no municipio.
‘Descubrir Quiroga’ inclúe experiencias únicas que combinan natureza salvaxe —en terra (roteiros), aire (parapente) e auga (piragüismo e barranquismo)— con cultura, historia e artesanía local. Ademais, algunhas actividades estarán acompañadas por propostas gastronómicas que destacan os sabores máis auténticos da zona, contribuíndo a completar unha experiencia turística con identidade propia.
O acto estivo presidido polo alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, e contou coa presenza da concelleira de Igualdade, Educación e Infancia, Maite Pérez Grao, así como do presidente do Xeoparque Montañas do Courel, Roberto Castro. Este último expresou o seu apoio á iniciativa, que considera unha ferramenta útil para o desenvolvemento sostible do territorio, poñendo en valor un dos seus maiores tesouros: o patrimonio.
PROGRAMA
- 15 de xuño. O camiño de inverno, I Etapa. (As Arribas de Quiroga).
- 22 de xuño. O camiño de inverno, II Etapa. (Quiroga a Bendollo e Barxa de Lor).
- 29 de xuño. O camiño do ferroalal. (Soldón a Reguín).
- 5 de xullo. Descubrindo barrancos no río Ferreiriño I.
- 12 de xullo. Paseos conscientes: os murmullos da natureza. (Itinerario sensorial con música).
- 20 de xullo. Montefurado, terra de romanos I: O aceite de oliva.
- 26 de xullo. A arte urbana de Quiroga: Maridando pintura e viño.
- 27 de xullo. Raíces e ritmos das montañas. (Música en directo e obradoiro musical).
3 de agosto. Descubrindo piragüismo en Augas Mestas I. - 24 de agosto. As fervenzas de Quiroga: Auga que dá vida.
- 31 de agosto. Descubrindo piragüismo en Augas Mestas II.
- 7 de setembro. O camiño da Encomenda de Quiroga. (Castelo de Novaes ata A Ermida).
- 13 de setembro. Paisaxes sonoras do Val da Seara. (Itinerario sensorial con música).
- 14 de setembro. Voando en parapente dende Vilalfiz.
- 20 de setembro. Montefurado, terra de romanos II: O viño.
- 21 de setembro. Descubrindo barrancos no río Ferreiriño II.
- 5 de outubro. As fervenzas de Quiroga: A caída da folla.