Quiroga presenta unha completa programación de Nadal con actividades para toda a familia

RibeiraSacraXa
Haberla actividades culturais e de ocio do 18 de decemebro ao 5 de xaneiro
Decoración Nadal
11 Dec 2025

O Concello de Quiroga deu a coñecer a súa programación de Nadal, unha proposta ampla e gratuíta que se desenvolverá entre o 18 de decembro e o 5 de xaneiro, con teatro, música, deporte e as tradicionais visitas de Papá Noel, o Apalpador e os Reis Magos. Desde o consistorio destacan que se trata dunha oferta pensada para disfrutar “de ocio e cultura en familia”.

As actividades comezarán o 18 de decembro coa tradicional cea de Nadal do Centro Social. O venres 19, ás 18:00 horas, o Auditorio Municipal acollerá a representación de “Berenguela na Gaiola”, a cargo de Galeteatro e co patrocinio da área de Cultura de Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O domingo 21, tamén no Auditorio Municipal, será a quenda do grupo humorístico Trípode, que presentará a obra “A Presa”, igualmente patrocinada pola Deputación. O martes 23, Papá Noel visitará a rúa Campo da Feira dende as 18:00 horas, nun encontro no que os máis pequenos poderán disfrutar dun chocolate con churros.

O venres 26 os socios do Centro Social terán unha tarde de bingo a partir das 17:00 horas, e o sábado 27 o Auditorio Municipal acollerá o musical “Un conto de Nadal”, de La Oca Band, dentro do programa Concertos do Xacobe.gal da Xunta de Galicia. O día 28, ás 18:00 horas, representarase “A viaxe do Señor López”, de Señor López Producións, actividade incluída no programa Circuitos de Teatro da Deputación de Lugo.

A praza de España celebrará o Mercado de Nadal os días 27 e 28, en horario de mañá e tarde. Ademais dos postos de artesanía e comercio local, haberá visita do Apalpador, actividades infantís, animación musical e unha demostración de torneado en madeira. O evento conta coa colaboración da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel.

Entre o 29 e o 31 disputarase no pavillón municipal o XXI Torneo de Nadal de Fútbol Sala. O martes 30, ás 17:30 horas, o Auditorio acollerá o contacontos “En el desván hay un baúl”, de Erica González, tamén patrocinado pola Deputación. Ese mesmo día, ás 18:00 horas, celebrarase un Faladoiro no Centro Social.

O 31 de decembro pola mañá terá lugar a carreira-andaina San Silvestre, con saída dende a praza de España ás 12:30.

Xa en xaneiro, o día 2 a Casa da Cultura programará o espectáculo de títeres “Esperta o rinoceronte”, de Nao Caracola, dentro do programa Móvete da Deputación. O 3 e 4 de xaneiro, o pavillón municipal acollerá unha festa infantil de inchables entre as 15:30 e as 19:30.

⚙ Configurar cookies
0.07401180267334