Quiroga presenta un novo servizo de atención postemperá
O concello de Quiroga vén de presentar un programa de atención postemperá dedicado a aqueles veciños usuarios do Sat, que xa non poidan beneficiarse deste servizo.
Esta nova iniciativa de atención post temperá que dará cobertura aos veciños de Quiroga, xorde pola necesidade que presentan as familias usuarias do Sat (Servizo de Asistencia Técnica) ante a finalización do servizo por superar a idade máxima de estadía no centro e a imposibilidade de desprazarse fora dos concellos da agrupación para continuar coas intervencións.
Nun acto ao que acudiron tódolos representantes dos oito concellos que forman a agrupación que conforma o servizo de Atención Temperá (entre os que se atopan os de Quiroga, Folgoso do Courel, Ribas de Sil, Bóveda, Sober, O Saviñao, Pantón e Pobra do Brollón), o alcalde de Quiroga remarcou que “o servizo de atención temperá é moi novidoso e foi case dos primeiros en poñerse en marcha. Agora somos os primeiros de Galicia en poñer en marcha de novo este servizo de atención postemperá”, afirma Julio Álvarez.
Tal e como comentan moitas familias, a partir dos 6 anos prodúcese o que as familias definen como “desatención” por parte do sistema público de atención primaria comunitaria aos seus fillos porque se produce unha interrupción brusca na atención socio-sanitaria aos nenos con dificultades no desenvolvemento, precisamente nun momento de máxima necesidade de atención que é o inicio da etapa escolar.
“O Servizo de atención post temperá ten como obxectivo principal dar unha continuidade aos programas de atención temperá naqueles nenos que entre 6 e 12 anos que o precisen, mantendo os tratamentos dirixidos as dificultades no seu desenvolvemento, o seu crecemento e a súa socialización A experiencia acumulada no Programa de Atención Temperá permitiunos valorar a importancia de garantir a continuidade da atención e dos tratamentos que se dispensan no marco do Programa de Atención Temperá, para os nenos que, chegados aos 6 anos de idade, causan baixa no programa e necesitan seguir recibindo unha atención específica. Nas zonas rurais non contan con centros privados para seguir cos tratamentos o que ocasiona que as familias teñan que percorrer grandes distancias para que os nenos poidan recibir un tratamento adecuado ás súas dificultades, desprazamentos que repercuten negativamente na vida familiar e profesional dos pais, así como na vida social e escolar dos pequenos”, destaca o rexedor.
O servizo compartirá as instalación co SAT situado na Ribeira e na súa delegación do Saviñao. Contará cun equipo multidisciplinar que ofrecerá servizos de logopedia, psicoloxía, fisioterapia, terapia ocupacional e pedagoxía terapéutica.
As dificultades que se atenderán son: problemas emocionais e psicolóxicos, dificultades do vínculo e das relacións sociais, manifestacións precoces no ámbito da saúde mental infantil, problemas de fala, voz, audición, deglución, linguaxe oral e/ou escrito, problemas motores, problemas de aprendizaxe e outros vinculados ao ámbito escolar.
Para acceder o servizo o usuario deberá pertencer a un dos 8 concellos que constitúen a agrupación de concellos, ter entre 7-12 anos e ter un trastorno no desenrolo diagnosticado.
As familias cobraráselle unha cantidade para axuda do financiamento do servizo calculada en función da súa renda per capita. Para ampliar ou consultar calquera tipo de información, pódese acceder á páxina web do concello de Quiroga https://concellodequiroga.com/es/ ou ben chamar ao número de teléfono 982 42 80 01.