Quiroga presenta o cartel oficial da XLIII Feira do Viño

RibeiraSacraXa
O cartel deste ano é obra da deseñadora Laura Maquieira González
presentacion-cartel-feira-do-viño-quiroga-2025
Presentación do cartel oficial da XLIII Feira do Viño de Quiroga
13 Mar 2025

O equipo de Goberno do Concello de Quiroga presentaba esta mañá o cartel gañador da XLIII Feira do Viño de Quiroga, que se celebra o 18, 19 e 20 de abril.

O deseño gañador, que leva por título “O curso do viño”, é obra da deseñadora Laura Maquieira González. A pesar de non residir en Quiroga, visita habitualmente Os Anguieiros, a súa aldea natal materna, e realiza rutas polo municipio frecuentemente, aínda que recoñece non ter participado nunca na feira do viño, algo que, explicou, ten pensado realizar este ano.

Segundo a propia autora, o cartel invita a ver o viño de Quiroga como un elemento que conecta a súa historia, a súa terra e a súa xente, regando con vida cada recuncho do concello e celebrando a unión da natureza e a cultura a través da Feira do Viño.

A composición xira arredor dunha botella de viño que verte o seu contido, simbolizando a súa riqueza. O viño flúe como un río a través dos monumentos máis representativos conectándoos de xeito lúdico e orgánico. O túnel romano de Montefurado; o mural de Erundina, a vendimadora sobre rodas; a igrexa de San Miguel de Montefurado; o muíño de aceite de Bendilló; a igrexa de Santa María da Ermida; a capela das Farrapas; a silueta das montañas do Courel e a igrexa de San Martiño de Quiroga represéntanse en siluetas negras. O viño, branco e tinto, serpeante a través da paisaxe, remata en vasos e cuncas, está elaborado cun bordado a man sobre tea, feito de xeito intencionadamente libre para reflectir a autenticidade e a artesanía do viño local.

Este concurso está premiado con 450 euros, un diploma acreditativo e botellas de viño das adegas participantes na feira desta edición.

CARTEL FEIRA DO VIÑO 2025
⚙ Configurar cookies
0.13273596763611