Quiroga prepárase para XXVV Mostra do Aceite, que reunirá a centos de persoas esta fin de semana

A Mostra do Aceite de Quiroga regresa esta fin de semana con importantes novidades, entre as que destaca a dobre localización da feira deste ano e a creación da figura do “Embaixador do Aceite de Quiroga”.
A feira comezará o sábado, 29 de marzo, coa celebración do “II Congreso do Aceite de Oliva de Quiroga”, que terá lugar no Auditorio Municipal e onde participarán persoas de renome no mundo do aceite nacional.
Neste Congreso, o presidente da APAAG (Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia), Alfonso Rodríguez Udías, exporá a “Situación do cultivo da oliveira en Galicia”. A científica do CSIC, Carmen Martínez, falará sobre as “Novas variedades de oliveira autóctona de Galicia, únicas no mundo”.
Baixo o título “O Aceite de oliva extra na alimentación saudable”, terán lugar as intervencións de Ana Belén Crujeiras Martínez, investigadora principal do IDIS (Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago) e vogal da SEEDO (Sociedade Española para o Estudo da Obesidade); e do chef galego, Kike Piñeiro, galardoado co premio á Gastronomía Saudable no 2024 pola Sociedade Española da Obesidade.
O congreso rematará cunha demostración de cociña con aceite de Quiroga, que incluirá a degustación de tapas elaboradas polo chef Gerson Iglesias do restaurante Erva Hotel Oca Villa de Allariz e os chefs Diego Domínguez e Maica Couto do local A Ostrería do Mercado de Abastos de Santiago. A música do grupo local O Recanto poñerá o broche final ao II Congreso do Aceite de Oliva de Quiroga.
Outra das grandes novidades é a dobre localización na xornada do 30 de marzo. O domingo, os postos de venda estarán situados na praza do Auditorio Municipal e realizaranse diversas actividades aproveitando as instalacións municipais que a rodean. Ademais, o Muíño de Aceite de Bendilló estará en funcionamento para que os visitantes poidan presenciar a elaboración tradicional do aceite. Para facilitar o desprazamento ata o muíño, habilitaranse autobuses gratuítos que sairan desde a praza do Auditorio ás 11.00, 12.00 e 13.00 horas.
Seguindo coas actividades programadas para o 25 aniversario da mostra, realizaranse degustacións comentadas dos aceites participantes na mostra. Estas degustacións terán lugar na sala de catas do Museo Etnográfico.
Por primeira vez nomearase ao embaixador do aceite. Trátase do chef Kike Piñeiro, do restaurante A Horta do Obradoiro en Santiago de Compostela, será nomeado como o primeiro Embaixador do Aceite de Quiroga. Tras o seu nomeamento, o chef realizará unha demostración de cociña cos aceites de Quiroga como protagonistas.
Durante esta xornada, o recinto feiral estará animado polo grupo de música tradicional “O Ventosiño” e pola música de raíz de Xavier Blanco da Fundación Legar. O evento finalizará no anfiteatro do recinto cun peche musical que poñerá fin á XXV Mostra do Aceite de Quiroga.