Quiroga prepárase para celebrar a gran festa do trail galego

RibeiraSacraXa
O Quiroga Trail Challenge reunirá esta fin de semana a 1.300 participantes que percorrerán a contorna natural do concello
Quiroga Trail Challenge
27 Feb 2026

O Quiroga Trail Challenge celebrará este sábado e domingo unha nova edición que superou todas as previsións da organización, cun total de 1.300 participantes, unha cita que consolida a esta proba como “a gran festa do Trail galego”.

Dende a organización amósanse moi satisfeitos coas cifras acadadas nesta edición, e aseguran que “é a mellor sinal de que os corredores seguen confiando no Quiroga Trail Challenge e isto ilusiona e anímanos a seguir adiante ultimando detalles”.

As inscricións deste ano lograron pecharse unhas horas antes da data límite e, ademais, rexistraron un notable incremento de participantes procedentes de case todas as comunidades autónomas, agás Murcia. Destacan especialmente a presenza de corredores de Madrid, Castela e León, Canarias, Baleares, País Vasco e Asturias, que representan o 25 % do total. A participación internacional estará representada por atletas de Portugal, Alemaña e Estados Unidos.

Outros datos relevantes este 2026 son o aumento da participación feminina, que acada por primeira vez o 30 % do total, e o crecemento das distancias curtas. A “carreiriña”, estreada na pasada edición, incrementa a presenza de mozos e mozas de entre 12 e 16 anos. Tamén medra o minitrail, con arredor de 400 inscritos, mentres que as dúas distancias ultra do sábado suman novamente uns 90 participantes.

“Son cifras moi satisfactorias”, sinalan Blas Rodríguez e Manuel Barreiro, directores da organización, quen lembran que o obxectivo do evento non é só dar a coñecer os tesouros naturais do Xeoparque Montañas do Courel, senón tamén as súas xentes, a súa cultura e a súa gastronomía.

“Nesta edición cobra protagonismo unha parte do Xeoparque moi descoñecida: a Montaña do Lor, que non deixará a ninguén indiferente pola súa beleza e dureza. Que a carreira manteña, ano tras ano, os centos de corredores galegos que non dubidan en volver e que xa sexa recoñecida tamén a nivel nacional énchenos de orgullo e satisfacción”, lembra a organización, que xa ten todo listo para dar comezo a unha das carreiras de montaña máis esperadas do ano.

0.12624883651733