Quiroga prepárase para a VIII edición dos Cantos de Taberna

Este sábado, 15 de marzo, Quiroga acollerá a VIII edición dos Cantos de Taberna, un evento que reunirá a nove grupos musicais e nove locais hostaleiros da vila.
Entre os grupos participantes, que chegan desde diferentes lugares, atópanse: Son do Mao, Nubeiro Son Galego, Son Outeiro, Os Tarabelos, Macizas Centrais Trives, Os Parrandas, O Recanto, Os Ministreles e De Aquí e Daló. Os establecementos onde actuarán serán: Adega de María, As Palmeras, O Portón, O Quiper, A Botica, Chapakuña, A Matrioska, Ruxe-Ruxe e o bar Lago.
As actuacións comezarán arredor das 18.30 horas e prolongaranse ata o final da xornada cunha gran foliada conxunta na praza da rúa Lago. Cada grupo contará cun tempo aproximado de media hora en cada local para interpretar un repertorio libre, priorizando as cancións tradicionais e populares.
A organización proporcionará unha achega económica a cada agrupación para que a consuman nos establecementos participantes, mentres que estes últimos ofrecerán tapas ou pinchos aos músicos que os visiten.