Quiroga organiza unha nova edición do seu Mercado de Nadal

O Concello de Quiroga organizará os vindeiros 27 e 28 de decembro unha nova edición do Mercado de Nadal de comercio local e artesanía, unha iniciativa destinada a dinamizar a actividade comercial do municipio e a dar visibilidade ao sector artesanal. O evento terá lugar na praza España, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
O mercado contará cunha programación pensada para todos os públicos, especialmente para as familias. Ao longo de ambas as dúas xornadas haberá actividades infantís, obradoiros e animación musical, que complementarán a oferta dos postos participantes.
Entre os actos previstos para o sábado 27 destaca a visita do Apalpador, que realizará primeiro unha ruada pola localidade e chegará ao mercado ás 12:00 do mediodía. Esa mesma tarde, ás 16:30, celebrarase un obradoiro de decoración de Nadal con pintura en impresión 3D. Tamén haberá un espazo de xogos para nenas e nenos e un sorteo dunha cesta de Nadal ás 18:30 horas.
O domingo 28, ao mediodía, o público poderá asistir a unha demostración de torneado de madeira de oliveira a cargo da empresa local Armaior. A xornada incluirá ademais un pasarrúas e a actuación do grupo de música tradicional Pándega. Pola tarde organizarase un obradoiro de guirlandas, así como un novo espazo de xogo infantil e outro sorteo dunha cesta de Nadal, novamente ás 18:30 horas.
O Mercado de Nadal está promovido polo Concello de Quiroga, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Centro de Artesanía e Deseño, e conta tamén coa colaboración da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel.