Quiroga organiza un desfile de comparsas e unha festa infantil polo Entroido

RibeiraSacraXa
O desfile de comparsas de Quiroga no marco do Entroido terá lugar o vindeiro domingo 19 de febreiro a partir das 17.
31 Xan 2023

O desfile de comparsas de Quiroga no marco do Entroido terá lugar o vindeiro domingo 19 de febreiro a partir das 17.00 horas, cando sairá desde a rúa Piscinas para percorrer a rúa Real ata a Casa Consistorial, onde rematará cun baile de disfraces e unha invitación a chocolate con churros.

Neste concurso desfile poden participar todas as persoas que o desexen, tanto do municipio coma doutros, sempre e cando se acollan ás dúas modalidades de participación estipuladas: a modalidade comparsa (integrada polo menos por dez membros) e a modalidade disfrace individual (que como máximo agrupará tres membros por disfrace).

Cada participante nomeará un representante para formar parte do xurado, polo que o xurado cualificador estará composto por tantos membros coma comparsas e disfraces participen no desfile.

Os integrantes do xurado despois de asistir ao desfile, valorarán a cada comparsa menos á que representa, valorarán a orixinalidade dos disfraces, a coreografía, a escenografía, a elaboración de vestiario e a elaboración da carroza.

Para a modalidade de comparsa establécese un primeiro premio de 600 euros, un segundo premio de 300 euros e un terceiro premio de 200 euros. O resto das comparsas participantes recibirán 100 euros. Para a modalidade de disfrace individual haberá un único premio ao mellor disfrace dotado con 60 euros.

Estes premios, que estarán suxeitos ao disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, entregaranse na rúa Real, diante do Concello, ao remate do desfile.

Para participar no desfile é preciso inscribirse antes do 15 de febreiro na Casa da Cultura ou na Sede electrónica do Concello de Quiroga, onde tamén se poden consultar as bases.

Pola súa parte, o luns, 20 de febreiro, os máis pequenos contarán coa súa festa de disfraces a partir das cinco da tarde no Disco Pub Yoya.

0.13078808784485