Quiroga organiza a súa I Feira de Nadal para despedir o ano
O Concello de Quiroga organiza A I Feira de Nadal ‘Mercado do Comercio Local e Artesanía’, os días 28 e 29 de decembro que contará cun total de 13 postos, que representan ao comercio local e ao sector da artesanía. Ademais, haberá actividades infantís, obradoiros e animación musical.
O Equipo de Goberno do Concello de Quiroga organiza esta Feira de Nadal “coa finalidade de dinamizar o comercio local e incentivar o sector da artesanía a fin de semana do 28 e 29 de decembro”, segundo explican nun comunicado.
Os trece postos participantes situaranse na Praza España en horario de mañá, entre as 11.00 e as 14.00 horas, e de tarde, entre as 16.00 e as 20.00 horas.
Os postos participantes ofrecerán dende produtos de artesanía ata roupa, calzado, libros, viño e licores, alimentos ou decoración.
Ademais, co obxectivo de fomentar o interese polos oficios e pola artesanía, realizaranse taén obradoiros gratuítos para a cativada e distintas actividades creativas, ademais de ofrecer un espazo de lecer para os nenos e nenas.
Así, haberá un obradoiro de Decoración de Pintura en Madeira para Nadal, que será o sábado, 28 de decembro, entre as 17.00 e as 19.00 horas, e un obradoiro de elaboración de Pulseiras de Coiro Personalizadas a cargo de Trapalladas Artesanía, que terá o domingo, 29 de decembro, de 11:00 a 13:00 horas.
Ademais, o sábado 28 de decembro, o Apalpador visitará a feira entre as 11.00 e as 13.00 horas. Chegado dende as montañas do Courel fará unha ruada musical por Quiroga e rematará no recinto feiral para contar contos e historias para toda a familia.
O domingo, 29 de decembro, a charanga Benofán amenizará a feira coa súa música, con dous pases que consistirán nun pequeno pasarrúas e unha animación musical na propia carpa da feira. O grupo actuará pola mañá, de 12.00 a 13.00 horas, e pola tarde, de 16.30 a 18.00 horas.
A feira está organizada polo Concello de Quiroga en colaboración coa Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel, e conta co apoio do Centro de Artesanía e Deseño da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que achegou un total de 5.000 euros para a celebración deste evento.