Quiroga ofrece á veciñanza usar as instalacións do albergue e do pavillón municipal ante o avance do lume

O incendio iniciado en Larouco cruzou nos últimos días cara á provincia de Lugo e xa afecta con forza a varios puntos do municipio de Quiroga, ameazando gravemente á serra do Courel, que no 2022 sufriu un dos peores incendios da historia de Galicia, con máis de 11.000 hectáreas arrasadas.
Durante a noite do venres, as lapas comezaron a avanzar con rapidez dende os montes de Cereixido ata a parroquia de Montefurado, estendéndose posteriormente cara a Vilarmel, Rugando, A Enciñeira e Vilar de Mondelo. Esta fin de semana, as lapas calcinaron por completo o lugar de Ferreira, na parroquia de Montefurado, que se atopaba deshabitado.
A situación recrudeceuse na tarde deste domingo polas malas condicións climatolóxicas e a falta de efectivos, e o lume xa ameaza con propagarse cara A Seara.
Dende o Concello advirten de que a situación é crítica, agravada polas altas temperaturas e o forte vento. “Os efectivos que están chegando non son suficientes para facer fronte a un incendio feroz que avanza sen control”, sinalan.
O Concello pide ademais á poboación de Quiroga e doutros municipios próximos que non ocupen as pistas forestais nin os accesos aos núcleos de poboación, co fin de non entorpecer as labores de extinción.
Así mesmo, ofrécese á veciñanza a posibilidade de abandonar os seus domicilios de maneira voluntaria. Nese caso, o albergue e o pavillón municipal permanecerán habilitados para acoller a quen o precise.