Quiroga mellorará a eficiencia enerxética na casa consistorial
O Concello de Quiroga conta cunha axuda económica da Xunta de Galicia de 112.309 euros para realizar obras de eficiencia enerxética na casa consistorial.
Con esta axuda, cofinanciada con fondos Feder, que permitirá cubrir ata o 80% dos gastos nestas actuacións, realizaranse melloras na envolvente térmica, na calefacción e na iluminación.
Así renovarase a carpintería exterior e sustituirase a cuberta de policarbonato; renovarase a instalación de calefacción do edificio, instalándose unha bomba de calor que permitirá dispoñer de aire frío no verán; e sustituirase a iluminación do edificio, instalando novas luminarias con tecnoloxía LED.
O obxectivo é contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027. Ademais búscase o aforro enerxético e económico, así como a mellora ambiental e do confort do persoal e da cidadanía usuaria dos servizos municipais.