Quiroga mellora camiños rurais en Vilañán e Bendollo co apoio da Deputación

O Concello de Quiroga, co apoio da Deputación de Lugo a través do Plan de Cooperación, levou a cabo melloras en varios camiños rurais do municipio, concretamente nos lugares de Vilañán e Bendollo.
En Vilañán, acondicionouse un tramo situado nas proximidades do Despegue de Parapente e do Miradoiro, onde as chuvias deterioraran o firme e dificultaban o paso dos vehículos. Para solucionar esta situación, optouse por formigonar esa parte do camiño, duns 100 metros de lonxitude.
Tamén nesta zona, mellorouse o camiño que une Vilañán con Vilaboa, aplicando unha capa de zahorra compactada para conseguir unha superficie máis regular e segura.
Pola súa banda, en Bendollo actuouse nun tramo do camiño que conecta o núcleo coas vivendas situadas na zona alta da aldea. Ademais, durante a visita comprobouse a limpeza dun camiño na parte baixa de Bendollo.