Quiroga mellora a sinalización e as pontes da ruta do Camiño do Ferradal

O Concello de Quiroga levou a cabo melloras na sinalización e na seguridade da ruta do Camiño do Ferradal, que conecta Rugando e Soldón de Sequeiros, unha das rutas homologadas máis emblemáticas e frecuentadas do municipio.
Grazas a unha subvención da Rede Natura 2000, realizáronse diversas intervencións nesta ruta. Na anualidade de 2024 efectuouse unha limpeza integral de todo o percorrido e repintáronse as marcas homologadas, mentres que en 2025 repúxose a sinalización vertical e reparáronse os danos causados polo paso do tempo en tres pontes da ruta.
A sinalización vertical atópase ao longo da estrada e nos puntos de acceso á ruta, así como nos cruces máis importantes do itinerario. Os pontes reparados permiten salvar o río Soldón, o rego do Barreiro e o rego de Rocaboa.
A ruta PR-G-187 Camiño do Ferradal atravesa o val do río Soldón e segue un antigo camiño utilizado para o transporte de mineral desde as zonas altas da montaña ata as ferrerías da comarca. Con unha lonxitude de 11 km, a ruta comeza na Ferraría de Rugando, hoxe convertida en casa de turismo rural, e finaliza no muíño de Soldón. Ao longo do percorrido atópanse varios puntos de interese, como a cova de Ricopete, unha antiga mina romana, e Pena Furada, un túnel escavado polos romanos para conducir a auga a diversas explotacións auríferas.