Quiroga inicia as 'Lembranzas da Feira do Viño' coa presentación dunha revista
Na revista, que se enviará ás casas de todos os veciños de Quiroga, repásanse os 40 anos de historia da feira, que xa tivo que suspender a celebración do pasado ano por mor da pandemia. Para o alcalde, Julio Álvarez, a Feira do Viño "crea historia dentro dos eventos lúdicos e traspasa fronteiras" polo que "non se pode esquecer un evento tan importante a nivel cultural, social e económico para o municipio".
Coa presentación deste luns daba comeza a celebración da parte "cultural e lúdica" da Feira do Viño, quedando a "parte festiva" para os vindeiros días 24 e 25 de xullo, se as condicións sanitarias o permiten. Se non é posible, dixo o rexedor quirogués, a lembranza desta data importante para o municipio "servirá de ponte para a celebración do vindeiro ano".
EXPOSICIÓNS E MÚSICA
A exposición 'O fin do Camiño' organizada pola asociación Egeria e patrocinada polo programa 'O teu Xacobeo', a andaina Xeoparque Montañas do Courel, a entrega dos premios do concurso de debuxo infantil 'Feira do Viño', e diferentes espectáculos musicais completan o programa de actividades en lembranza dunha feira que cada ano se viña convertendo en excelente escaparate da produción vitivinícola da Ribeira Sacra.