Quiroga inicia as actividades do 25N cunha charla sobre crenzas e relación co diñeiro

O Concello de Quiroga, a través do Centro de Información á Muller (CIM), pon en marcha esta semana o seu programa de actividades con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista. A primeira proposta será a charla “Crenzas e diñeiro”, que se celebrará este martes ás 18:00 horas na Casa da Cultura.
A sesión estará impartida pola quiroguesa Laura Macía, licenciada en Administración e Dirección de Empresas e mentora en finanzas. A charla abordará temas como a independencia económica, a educación financeira, as crenzas erróneas arredor do diñeiro e a importancia de contar con ferramentas que reforcen a autonomía persoal.
As actividades continuarán o 21 de novembro cun obradoiro destinado ao alumnado do CEIP de Quiroga, centrado na sensibilización e a prevención da violencia machista desde idades temperás.
O 25 de novembro, data central da conmemoración, repartirase material informativo relacionado coa loita contra a violencia machista e lerase un manifesto diante da casa consistorial ás 12:00 horas.
Para pechar o programa, o mércores 26 de novembro ás 17:00 horas terá lugar un Círculo de Benestar conducido por Paula Santos, pensado como espazo de encontro e coidado comunitario.