Quiroga fixa para o domingo 22 de febreiro o desfile de comparsas de Entroido

RibeiraSacraXa
Amplíase tamén o prazo para participar ata este xoves, 19 de febreiro
Entroido-Quiroga-2
16 Feb 2026

O Concello de Quiroga anunciou que o desfile de comparsas de Entroido, inicialmente previsto para este domingo 15 de febreiro pero que tivo que ser aprazado pola chuvia, celebrarase finalmente o próximo domingo 22 de febreiro.

O desfile partirá ás 17:00 horas desde a rúa Piscinas e percorrerá a rúa Real ata a Casa Consistorial, onde rematará cun baile de disfraces acompañado dunha charanga e dunha invitación a chocolate con churros.

O prazo de inscrición para participar no concurso-desfile amplíase ata o xoves 19 de febreiro. Poderán participar todas as persoas que o desexen, tanto do municipio como doutros, sempre que se acojan ás dúas modalidades previstas: a modalidade comparsa, integrada por polo menos dez membros, e a modalidade disfrace individual, cun máximo de tres membros por disfraz.

Cada participante deberá nomear un representante que formará parte do xurado. Deste xeito, o xurado estará composto por tantos membros como comparsas e disfraces participen no desfile. Tras o desfile, os integrantes do xurado valorarán cada comparsa —excepto a que representan— tendo en conta a orixinalidade dos disfraces, a coreografía, a escenografía, a elaboración do vestiario e da carroza.

Os premios para a modalidade comparsa serán de 600 euros para o primeiro premio, 400 euros para o segundo e 300 euros para o terceiro, mentres que o resto de comparsas participantes recibirán 100 euros. Na modalidade de disfrace individual outorgarase un único premio de 60 euros ao mellor disfraz. Todos os premios, suxeitos á Lei 35/2006 sobre o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, entregaranse na rúa Real, fronte ao Concello, ao final do desfile.

Para inscribirse, os interesados deben presentar a documentación requirida na Casa da Cultura ou a través da Sede Electrónica do Concello de Quiroga, onde tamén se poden consultar as bases e a documentación necesaria.

⚙ Configurar cookies
0.077444076538086