Quiroga dá inicio ao Nadal con dúas obras de teatro

RibeiraSacraXa
A primeira función será “Berenguela na Gaiola”, unha proposta familiar que terá lugar este venres no Auditorio
funcion-berenguela-quiroga
18 Dec 2025

O Concello de Quiroga, co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo, dará comezo este fin de semana á súa programación de Nadal con dúas obras teatrais.

Este venres 19 de decembro, ás 18:00 horas, no Auditorio Municipal, poderase ver de balde “Berenguela na Gaiola”, unha proposta familiar coproducida por Galeatro e Xarope Tulú xunto co Centro Dramático Galego e o Festival Internacional de Teatro de Carballo (FIOT). A obra, dirixida e escrita por Paula Carballeira, foi gañadora do IV Certame Manuel María de Proxectos Teatrais en 2025 e está protagonizada por Alba Bermúdez, Tone Martínez e Atenea García. A historia xira en torno a Berenguela, unha anciá que escapa dunha residencia para regresar á súa casa no rural, acompañada polas súas amigas Aurora e Tomás, nunha emotiva aventura que fala de liberdade e cambio.

A segunda cita teatral chegará o domingo 21, tamén ás 18:00 horas no mesmo lugar, con “A presa”, a cargo do Grupo Humorístico Trípode, un colectivo de teatro afeccionado da comarca da Mariña. Esta comedia mestura humor e crítica social ao narrar a loita veciñal contra un proxecto de encoro que ameaza con afogar a aldea de Fontefría, poñendo en risco o seu modo de vida e a súa felicidade.

⚙ Configurar cookies
0.075892925262451